Ir o contido principal

Exposición 'Instrumentos de visión', de Armin Linke

22.06.2024-21.09.2024

Santiago de Compostela

Conmemora o 25 aniversario do IGFAE e os 70 anos da fundación do CERN

O artista Armin Linke retratou para esta exposición algúns exemplos do traballo científico desenvolvido polo persoal do IGFAE, e que forma parte do experimento LHCB do CERN. FOTO: Armin Linke
O artista Armin Linke retratou para esta exposición algúns exemplos do traballo científico desenvolvido polo persoal do IGFAE, e que forma parte do experimento LHCB do CERN. FOTO: Armin Linke

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, abre para o público este sábado 22 de xuño na Igrexa da Universidade a exposición 'Instrumentos de Visión', do artista Armin Linke. O proxecto é froito da colaboración do IGFAE con Arts at CERN, o programa de arte da Organización Europea para a Investigación Nuclear, co gallo do 25º aniversario do IGFAE e os 70 anos da fundación do CERN. A mostra está comisariada por Mónica Bello, directora desde 2015 de Arts at CERN.

'Instrumentos de Visión' compila máis de 20 anos de traballo de Armin Linke, a partir da observación das investigacións realizadas en grandes infraestruturas experimentais como o CERN, o Laboratori Nazionali di Gran Sasso (L’Aquila, Italia), ou o Institute for Quantum Optics and Quantum Information (IQOQI), de Innsbruck (Austria). Ademais, para esta ocasión, Armin Linke realizou unha serie de obras nas que se recolle o labor científico do persoal do IGFAE, presente nalgunha das máis importantes colaboracións científicas internacionais, como o experimento LHCb do CERN.

No singular marco da Igrexa da Universidade, a proposta de Linke convida ao público, a través de 16 obras, a achegarse a estes espazos de investigación, captando a dinámica dos laboratorios de física de partículas. Deste xeito, 'Instrumentos de Visión' reflexiona tamén sobre o modo no que a ciencia non é un esforzo solitario. Ao contrario, vese como "un empeño colectivo no que interveñen actores humanos e contornas socialmente entrelazadas, comprendidas polo persoal investigador, os instrumentos, os artefactos e os materiais de laboratorio”, salienta Mónica Bello.

Este proxecto enmárcase na aposta realizada nos últimos anos polo ArtLab do IGFAE, co obxectivo de abrir novos espazos de conexión coa sociedade, e na liña de fomentar unha investigación e innovación responsables. Así, 'Instrumentos de Visión' contribúe tamén ao diálogo entre a arte contemporánea e as liñas de investigación do IGFAE.

A exposición estará aberta ata o 21 de setembro de 2024, e pode verse en horario de martes a sábado, de 11.00 a 20.00 horas. A entrada é aberta e de balde.

Armin Linke
Armin Linke
Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.08.2024.