Ir o contido principal

Exposición 'Miradas a Compostela', de José Yáñez

20.06.2024-30.08.2024

Santiago de Compostela
Claustro Alto

Debuxo de José Yáñez
Debuxo de José Yáñez

O Claustro Alto do Colexio de Fonseca acolle desde o xoves 20 de xuño a mostra de debuxos 'Miradas a Compostela' de José Yáñez.

"Sentado na miña cadeira portátil debuxo distintos ángulos da cidade, buscando encadres para deixar nestes cadernos unha mostra variada das nosas arquitecturas urbanas. O románico, gótico ou barroco, sen esquecer a arquitectura modernista, racionalista, ecléctica, contemporánea ou popular son os obxectos da miña atención", explica José Yáñez.

José Manuel Yáñez Rodríguez é arquitecto técnico, enxeñeiro de edificación e doutor en Historia da arte. Foi xefe do Servizo de Arquitectura e Mantemento da Deputación da Coruña. Durante 38 anos exerceu como profesor nas Universidades de Santiago de Compostela e A Coruña. Impartiu numerosas conferencias sobre materias de patrimonio, a súa xestión e conservación e publicou 16 libros e cartafoles de debuxo, todos eles referidos ao patrimonio edificado. Habitualmente escribe artigos sobre o patrimonio construído en revistas especializadas e ten no seu haber varios premios de investigación. Como pintor realizou numerosas exposicións individuais e colectivas en diferentes puntos de España. A súa obra está presente en coleccións de diferentes institucións públicas e coleccionistas privados.

A exposición estará aberta ata o 30 de agosto de 2024 e poderá verse en horario de luns a venres de 11 a 14 e de 17 a 20.30 horas (no mes de agosto estará aberta soamente polas mañás, de 11 a 14 horas). O acceso é libre e de balde.

José Yáñez
José Yáñez
Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.08.2024.