
A vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, preside este xoves 5 de setembro ás 13.00 horas a inauguración da mostra 'Miradas. Mulleres na arte' de Elsa Martínez, nun acto que se desenvolverá no Claustro Alto do Colexio de Fonseca. A exposición busca homenaxear as representantes femininas que destacaron no mundo da arte e tamén aquelas que quedaron no anonimato.
"A realización deste proxecto xurdiu coa idea de poñer en valor o traballo e talento das mulleres artistas que quedaron invisibilizadas ao longo da historia, polos límites e imposicións dunha sociedade androcéntrica. As mulleres eran musas e inspiración de obras, pero moi poucas asinaban as súas creacións. Aínda así, moitas delas lograron importantes contribucións no mundo da arte a pesar de que foron esquecidas con posterioridade.", indica Elsa Martínez.
A mostra recolle 41 retratos de mulleres de diferentes disciplinas artísticas (pintoras, escultoras, escritoras e actrices) do século XVI ao XX e empregando diferentes técnicas: acrílico, collage, lapis, acuarela e plastilina utilizada de xeito persoal como técnica pictórica. "En todo momento tratouse de captar a mirada das artistas, procurando que a esencia de cada unha delas permaneza indeleble no tempo", sinala a artista. M.ª Louise Élisabeth Vigée Lebrun, Sofonisba Anguissola, Camille Claudel, Daphne du Maurier, Leonora Carrington, Gerda Wegener, Frida Kahlo, Pier Angeli, Virginia Woolf, Maruja Mallo son algunhas das artistas que protagonizan esta mostra.
A exposición estará aberta ata o 31 de outubro de 2024 e poderá verse en horario de luns a venres de 11 a 14 e de 17 a 20.30 horas. O acceso é libre e de balde.