Ir o contido principal

Exposición '«Me proclamo feminista». A relación de Cela coas escritoras e artistas do seu tempo'

06.06.2025-04.07.2025

Santiago de Compostela
Claustro Alto

O contacto entre Camilo José Cela e as mulleres que conforman esta mostra foi, sobre todo, epistolar, de aí a presenza de diversas cartas manuscritas e/ou mecanografadas, onde as palabras das persoas destinatarias e remitentes dan fe dos seus sentires

Detalle da mostra. FOTO: Santi Alvite
Detalle da mostra. FOTO: Santi Alvite

O Claustro Alto do Colexio de Fonseca acolle desde o 6 de xuño a exposición 'Me proclamo feminista. A relación de Cela coas escritoras e artistas do seu tempo'. O acto de inauguración terá lugar ás 12.00 horas deste venres 6 de xuño e estará presidido pola vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández. Asistirán tamén o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude e presidente da Fundación Pública Camilo José Cela, José López Campos; o director Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo Suárez; e a directora da Fundación, Covadonga Rodríguez del Corral. A mostra está comisariada por Lourdes Regueiro e Iván Rodríguez e pode visitarse ata o 4 de xullo, en horario de luns a venres, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.

A mostra

O contacto entre Camilo José Cela e as mulleres que conforman esta mostra foi, sobre todo, epistolar, de aí a presenza de diversas cartas manuscritas e/ou mecanografadas, onde as palabras das persoas destinatarias e remitentes dan fe dos seus sentires. Os libros que se poden ver na mostra están a maior parte dedicados polas autoras. A relación de amizade trasládase tamén ao papel fotográfico, con instantáneas dedicadas que amosan o aprecio sentido cara ao escritor galego. As artes plásticas están presentes nas obras que as pintoras lle regalaron a Cela como mostra do seu afecto. En total, en torno a un centenar de pezas que ven por primeira vez a luz de forma conxunta.

Nunha enquisa que lle fixeron a Camilo José Cela no ano 1962 para o diario Arriba, ante a pregunta sobre que opinaba da muller, Cela contestaba cunha frase: "Me proclamo feminista y me gustaría verlas sublevadas". Anos máis tarde, en 1975, a revista Telva preguntáballe sobre a entrada das mulleres nas Reais Academias. Cela non dubidaba en contestar: "No veo razón alguna para que la mujer no ingrese en la Academia; creo que el hecho de ser mujer no debe pesar, ni en pro ni en contra, en la posible designación".

"As palabras dun autor son o espello no que se reflicte a súa maneira de pensar, e desta exposición infírese que, contra a crenza xeral, Cela defendía as mulleres en calquera papel que estas ocuparan na vida, adscribíndose ao movemento feminista da época. Reflexo diso é a relación de amizade que Cela mantivo coas escritoras da posguerra, ás que consideraba as súas compañeiras de profesión", explican dende a organización da mostra.

A través da súa revista Papeles de Son Armadans, recuperou os nomes dalgunhas das Sinsombreo que se atopaban no exilio. Rosa Chacel, Ernestina de Champourcín, Mª Teresa León, Concha Méndez e María Zambrano no só colaboraron na publicación celiana, senón que se cartearon co galego, misivas conservadas na súa Fundación en Iria Flavia.

"Non esqueceu Cela as escritoras en lingua galega, a súa lingua", explican. Autoras como Úrsula Heinze, Mª do Carme Kruckenberg, Luz Pozo Garza, Mª Xosé Queizán ou Pura Vázquez Iglesias, mantiveron nalgún momento das súas vidas contacto con Cela. E na súa bibliioteca, como non podía ser doutro xeito, non faltaron libros destas autoras, pero tamén da que el consideraba "la gran luminaria de nuestra lírica y el más grande poeta de todas las Españas en el siglo XIX", Rosalía de Castro, ou de Concepción Arenal.

Transcendendo a literatura, no terreo das artes plásticas, pódese ver esta pegada feminina no legado celiano. Obras de Mª Antonia Dans, Menchu Lamas ou María Roësset Mosquera forman parte da pinacoteca de Cela.

Doutra banda, o mundo da arte inclúe cantantes, actrices, directoras de cine... que lle amosaron a súa amizade ao escritor. Irene Gutiérrez Caba, María Asquerino, Sara Montiel, Imperio Argentina ou La Chunga homenaxearon a Cela ou lle mostraron o seu aprecio dun xeito epistolar, nalgúns casos, ou pictórico, noutros.

Cartel da exposición
Cartel da exposición
Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.06.2025.