
Do 9 de abril ao 30 de maio exhíbese no Claustro Alto do Colexio de Fonseca a exposición 'Rosalía en Fonseca. O xardín da revolución'. O reitor da Universidade, Antonio López Díaz, presidiu a inauguración na que interviñeron a comisaria da mostra e directora da Cátedra Rosalía de Castro, María do Cebreiro Rábade Villar; o co director da Cátedra, Fernando Cabo Aseguinolaza, e o responsable das coleccións do Museo de Historia Natural, Juan Manuel Cutrín.
Rosalía de Castro nace no mesmo ano no que, por vez primeira, unha muller consegue entrar na Biblioteca Nacional. Non se sabe se a escritora galega repetiu esa xesta durante os seus anos madrileños, mais o certo é que nunca puido cursar estudos universitarios. Con todo, hoxe en día coñécese que a nai da autora, dona Teresa Castro Abadía, se preocupou, de xeito moi consciente, pola súa educación. Na adolescencia, Rosalía beneficiouse da instrución musical, dramática, literaria e pictórica recibida como froito da súa vinculación aos círculos progresistas do Liceo de la Juventud e desde o seu nacemento (ao parecer, asistido polo catedrático Varela de Montes) ata o matrimonio co Murguía, con certeza a escritora participou das ideas xeradas desde a Universidade, incluídas as científicas e, máis especificamente, as botánicas.
Porén, o certo é que Rosalía nunca entrou en Fonseca, e a xulgar por un fragmento da súa novela Ruinas (1866), a súa visión da Universidade compostelá non era, naqueles anos, favorable. Con estes antecedentes, ao abeiro da recén estreada Cátedra Rosalía de Castro, baixo o auspicio do Museo de Historia Natural da USC, e grazas ao financiamento dunha bolsa Leonardo da Fundación BBVA, semella chegada a hora dunha restitución que permita o ingreso simbólico, con honores, da autora Rosalía de Castro na Universidade de Santiago de Compostela.
A mostra pode visitarse luns a venres, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.
