Unha ollada etnográfica á Galicia de hai un século a partir das fotografías de Ruth Matilda Anderson

Do 21 de xuño ao 26 de agosto a Igrexa da Universidade abeirará a mostra 'Fragmentos de onte', unha exposición que parte do legado fotográfico de Ruth Matilda Anderson para tecer un itinerario pola Galicia dos anos 30 do século XX. Promovida por Bodegas Martín Códax en colaboración coa Asociación Etnográfica Sete Espadelas, a mostra conta co apoio da Universidade de Santiago de Compostela.
O acto de inauguración, celebrado o mércores 21 de xuño ás 12.30 horas na Igrexa da Universidade, contiou coas intervencións de Xoan Antonio Allegue López, presidente de Martín Códax; Anxo Manuel Lorenzo Suárez, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Goretti Sanmartín Rei, alcaldesa do concello de Santiago de Compostela e Pilar Murias Fernández, vicerreitora de Estudantes e Cultura.
Entre 1924 e 1926, Archer Milton, fundador da Hispanic Society of America de Nueva York, enviou a Ruth Matilda Anderson a Galicia en varias expedicións, para recoller todo o material etnográfico que estaba a piques de se perder: vestiario, oficios, festas, costumes, feiras, tradición. A patir dos retratos da fotógrafa americana, a exposición presenta unha ampla escolma de pezas de roupa (moitas delas antigas ou reproducidas a partir de padróns e tecidos da época) e tamén aparellos de labranza, obxectos do fogar e diferentes elementos orixinais do momento. Trátase dun rigoroso traballo de investigación co que se pretende reproducir, ante os ollos das persoas visitantes, o que viu Ruth Matilda cando chegou a Galicia da maneira máis exacta posible. A mostra ofrécenos así unha viaxe no tempo, unha ollada á Galicia de cen anos atrás, coa que recuperar para a memoria oficios xa esquecidos, as feiras, as romarías, ou os traballos no mar e no campo. En definitiva, a cultura popular galega atravesada pola ollada de Ruth Matilda Anderson.
Visitas
A exposición poderá ser visitada libremente e sen necesidade de reserva de martes a sábado de 11.00 a 14.30 horas e de 17.30 a 20.30 horas, e os domingos de 11.00 a 14.30 horas.