A terceira edición do programa Faíscas Culturais profunda, con aulas abertas e sesións, na exploración de como a "ansiedade climática" está a calar nas investigacións de artistas 'millenial' de Galicia e do norte de Portugal

O programa Faíscas Culturais é unha iniciativa da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura que ten como obxectivo prender a reflexión cultural nas aulas da USC e complementar a formación do estudantado a través de intervencións e actividades de carácter cultural.
Baixo o título 'Un rastro de furia e algas. Reflexións sobre o futuro do planeta Terra', a terceira edición do programa afonda na exploración de como a "ansiedade climática" está a calar nas investigacións de artistas 'millenial' de Galicia e do norte de Portugal en aulas abertas e conversas que percorren varios dos centros da USC e se complementan cunha exposición itinerante coordinada por Federico López Silvestre.
O 21 de novembro ás 11.00 horas, no Salón Artesoado do Colexio de Fonseca, o colectivo artístico Landra fará unha palestra-performance titulada 'A Grande Sucessão: Sobre Redes', na que se traducirán os procesos biolóxicos a música e ruído. Terá o compoñente performativo, pero tamén servirá de workshop interactivo para que o alumnado entenda a peza desde o proceso creativo dos e das artistas.