Ir o contido principal

Ao pé do carballo

Leira Haus

04.05.2023 | 19.00h

Lugo
Carballeira da Biblioteca Intercentros

Un exercicio de narración compartida no que abordar, dende a ficción, as paisaxes e necesidades para sobrevivir nun futuro poscolapso a través de diferentes personaxes. O prazo de inscrición vence o 3 de maio ás 13 horas

'Leira Haus. Un ultramarinos na fin do mundo' forma parte do programa de actividades Primavera Cultural
'Leira Haus. Un ultramarinos na fin do mundo' forma parte do programa de actividades Primavera Cultural

O ciclo 'Ao pé do carballo'  programa unha nova actividade o próximo xoves 4 de maio ás 19.00 horas na Carballeira da Biblioteca Intercentros. 'Leira Haus. Un ultramarinos na fin do mundo' propón un exercicio de narración compartida no que abordar, dende a ficción, as paisaxes e necesidades para sobrevivir nun futuro poscolapso a través de diferentes personaxes. Sentadas na carballeira, as historias de vida, os relatos e artefactos que os acompañan no seu día a día serán o punto de partida dunha sesión en torno á cal aproximarse a novos imaxinarios dende as múltiples ameazas do presente. 

As prazas son limitadas e requiren inscrición en cultura.lugo [at] usc.gal (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]gal) antes do 3 de maio ás 13.00 h.

A actividade enmárcase no convenio Lugo Cultural, un programa xestionado pola USC e que tamén conta con financiamento do Concello de Lugo e da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo. Asemade, forma parte do ciclo Primavera Cultural co que a Vicerreitoría de Estudantes e Cultura da USC aposta por propostas artísticas emerxentes que conecten co estudantado.

'Leira Haus. Un ultramarinos na fin do mundo'

Carballeira de Lugo, ano 2050. Ás nosas costas as ruínas dun pasado que nunca volverá por algunha forza aínda por descubrir. Os carballos e árbores deste lugar son testemuñas da transformación acelerada que aconteceu nas últimas décadas. No medio deles, unha pequena construción feita con restos de madeira, chapa e cables de alimentación funciona como un punto de intercambio e venda de obxectos, tamén é un bo sitio onde beber tranquilamente unha infusión. Alí, as diferentes poboadoras deste Lugo futuro que nos acompañarán durante a sesión, atoparán un lugar onde descansar, contar a súa vida e aprovisionarse dos obxectos que precisen para proseguir o seu camiño.

Cartel da actividade
Cartel da activiade
Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.04.2023.