Comezo musical da Primavera Cultural no campus de Santiago

Unha mostra de Gregotechno e unha introdución ao canto gregoriano con Marc Vilajuana o 7 de marzo ás 21.00 horas na Igrexa da Universidade, serán o comezo musical da Primavera Cultural no campus de Santiago. O acceso será libre, previa recollida de entradas (máx. 2/persoa) desde as 19.30 horas na Igrexa.
Gregotechno parte da recuperación histórica do canto gregoriano (Marc Vilajuana) para ser hibridado de xeito sonoro para a pista de baile con música electrónica contemporánea (Alejandro Narés). Esta fusión sonora interacciona no directo con visuais do microcosmos gravados mediante técnicas de microscopía (Xavi Arqué, PhD). Nun momento social no que o pragmatismo elimina toda espiritualidade, apelan á trascendencia. O esencialismo reiterante é o punto de encontro entre os modos repetitivos do canto gregoriano, a pulsación cíclica da música electrónica e as formas dinámicas dos visuais de microscopía. Estes últimos xerados partindo, en parte, de mostras extraídas de paraxes naturais sacras, como arredores de igrexas, conventos e mosteiros de Cataluña.
Marc Vilajuana propón un achegamento ao canto gregoriano a través dun concerto solista con soporte de proxección onde a audiencia ve, graficamente, os manuscritos antigos e a súa tradución, en directo, ao son. A actividade quere dar ás persoas asistentes un primeiro contacto coas notacións musicais primitivas e a súa relación coa oralidade, a percepción da acústica natural dos espazos, un breve contexto litúrxico e, sobre todo, a degustación do canto plano, este repertorio que é o fundamento da música de Occidente. A formación holística e a bagaxe escénica de Vilajuana permítenlle ter unha mirada aberta e sinestésica ao comprender as artes e un contacto rápido e interaccionado co público. No gregoriano hai dous instrumentos, a voz e o espazo, e tres temas: historia, sutileza e beleza.
Marc Vilajuana é músico, bailarín e actor, con 10 anos de experiencia no sector profesional. De entre os nomes máis coñecidos con quen traballou atopamos 'La Família del Súper 3' o 'Com si Fos Ahir' de TV3, 'Maremar de Dagoll Dagom', 'Cosa/Cos de Les Impuxibles' o '[kórps]' de Miquel Barcelona. En canto á súa creación en solitario destacan os discos ‘Solstici’ e ‘Equinocci’ que foron publicados en 2022. En materia da súa relación coa música medieval, fórmase en distintos centros de Italia, Francia e España con Paloma Gutiérrez del Arroyo, JC Asensio, Marcel Pérès, Brigitte Lesne, Montserrat Oliveras, Maria Jonas, Cristina Alís, entre outros. Abre o Festival Terrer en 2022 na Cartoixa d’Escaladei dirixindo un coro de catro integrantes con repertorio medieval en ‘Matèria Primera’. É integrante no coro gregoriano ‘Schola Cantorum Barcelona’. Traballa como intérprete para o proxecto de museografía de ‘El Vescomtat de Cabrera’. Dá clases de gregoriano na librería Sa Porta de Ciutat Vella de Barcelona, inicia o proxecto ‘Gregoriano - Concerto Solista Comentado’ en 2022 e lévao a cabo en centros culturais, igrexas e museos.