O profesor Jorge Mira coordina unha nova edición destas conversas divulgativas abertas ao público

O proxecto de divulgación científica 'Stat Wars: a rebelión dos datos', o labor dos irmáns Portela, pioneiros da electrónica en Galicia e responsables da creación do magnetófono galego, e a iniciativa 'Galicia nomeada' da Real Academia Galega centran un nova sesión destas conversas divulgativas que terá lugar o vindeiro mércores 22 de febreiro ás 20.30 horas na Nave de Vidán.
Vicente Lustres Pérez, director executivo e cofundador de Biostatech alén de doutor en Bioloxía cun mestrado en Estatística Aplicada; Daniel Seijas Llerena, doutor en Historia Contemporánea; e Vicente Feijoo Ares, coordinador da Unidade Técnica de Toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, serán desta volta os relatores convidados nunha nova sesión das Nerd Nites, encontros divulgativos onde especialistas de diferentes contornas dialogan co público das disciplinas que os apaixonan fóra do ámbito académico nun ton distendido e en horario nocturno.
A participación é libre ata completar a capacidade da sala.