Ir o contido principal

Plantación dun érbedo en memoria de Rosalía de Castro

23.04.2025 | 10.00h

Xardín de Fonseca

O érbedo plantarase no Xardín de Fonseca
O érbedo plantarase no Xardín de Fonseca

Coincidindo co Día Mundial do Libro, a Cátedra Rosalía de Castro organiza o mércores 23 de abril a plantación dun érbedo no xardín de Fonseca, nunha actividade concibida en colaboración co Concello de Santiago que procura honrar a memoria rosaliana. 

O acto desenvolverase ás 10.00 horas coa participación da vicerreitora de Cultura, Pilar Murias, e da alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín. Intervirán ademais a co directora da Cátedra institucional Rosalía de Castro, María do Cebreiro Rábade Villar; a directora da Biblioteca Xeral, Mª Isabel Casal Reyes; e o o conservador do Museo de Historia Natural, Juan Manuel Cutrín.

Como explica a profesora Rábade Villar, a lenda oral que rodea a Rosalía atribúelle ao érbedo de Lestrobe un papel semellante ao carballo de Buchenwald para Goethe, "é dicir, era unha árbore na que ela gustaba de escribir, e aínda estaba en pé a mediados dos anos cincuenta do pasado século, pois conservamos unha imaxe da escritora compostelá Concha Castroviejo subida nel (concretamente, no filme Peregrinaxe lírica polos lugares rosalianos, do ano 1951)". Porén, engade, "a árbore foi talada, polo que a plantación pode concibirse como un acto de restitución simbólica da memoria rosaliana, así como de ecoloxismo poético". 

Rematadas as intervencións, as persoas asistentes trasladaranse á Biblioteca América onde a co directora da Cátedra institucional Rosalía de Castro lle fará entrega á vicerreitora de Estudantes e Cultura dun libro de autor sobre a exposición Rosalía en Fonseca. O xardín da revolución que quedará custodiado na Biblioteca Xeral da Universidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.04.2025.