Ir o contido principal

Exposición

'Whispering Mirrors'

Do 15 de abril ao 3 de xuño

Do 15 de abril ao 2 de xuño, a Igrexa da Universidade acolle esta mostra do artista portugués Rodrigo Gomes que busca explorar o espazo entre as entidades dixitais e físicas creando unha relación híbrida entre a materia e as imaxes xeradas polos ordenadores e a aprendizaxe automática

Cartel exposición 'Whispering Mirrors'
Cartel exposición 'Whispering Mirrors'

A mostra 'Whispering Mirrors', de Rodrigo Gomes, chega á Igrexa da Universidade o 15 de abril ao abeiro do programa 'Primavera Cultural'.  Trátase do segundo momento deste proxecto do artista portugués que comezou en Carpintarias de São Lázaro en Lisboa (Portugal) en 2021. O acto de inauguración,  o sábado 15 a partir das 18.00 horas, contará coa presenza da vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias; do artista Rodrigo Gomes, e do comisario da exposición, David Revés. 

'Whispering Mirrors' foi  desenvolvida co Apoio à Internacionalização, da Direcção Geral das Artes da  República Portuguesa e poderá ser visitada ata o 2 de xuño de 2023, de mércores a sábado, e en horario de 11 a 14 horas e de 17 a 20.30 horas.

'Whispering Mirrors'

Partindo dunha reflexión sobre a tecnoloxía e as súas posibilidades materiais e virtuais, esta exposición propón conxecturar sobre a aparente previsibilidade do tempo e do espazo físico a través das súas mediacións obxectivas e dos seus correlatos subxectivos. Para iso, explora dispositivos materiais e atmosferas de fluxos especulares nos que esculturas, obxectos técnicos, imaxes e sons se constitúen como realidades animadas, desenvolvendo modos de existencia propios e configuracións espazo-temporais específicas.

Dialogando coa arquitectura da igrexa —os seus retablos, aras e obxectos de arte sacra— o espazo expositivo deséñase así como unha cápsula espazo-temporal, onde se exploran dinámicas de continxencia para os procesos de construción e vivenda no mundo. Deste xeito, prodúcese unha tensión permanente, ás veces por procesos de oposición, outras por liñas de continuidade, entre os movementos internos á tecnoloxía contemporánea e todas as aspiracións e crenzas que subxacen nos mecanismos da relixión. É dicir, entre todas estas pantasmas.

Rodrigo Gomes

Orixinal de Faro (1991) é un artista multimedia portugués afincado en Lisboa. A través da escultura audiovisual e os novos medios, Gomes busca explorar o espazo entre as entidades dixitais e físicas creando unha relación híbrida entre a materia e as imaxes xeradas polos ordenadores e a aprendizaxe automática. A súa obra foi exposta amplamente en moitos países como China, Serbia, Grecia, EUA, Polonia, Francia e Portugal. En 2021 gañou o D-Normal V-Essay Floating Points Award en Hong Kong, en 2020 o Black Raven Award (Portugal), en 2018 o Prémios Novos (Portugal) e en 2017 o Sonae Media Art Award (Portugal).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.06.2023.