Do 6 ao 9 de febreiro celébrase a 28ª edición desta cita anual organizada desde a Aula de Teatro da USC

O XXVIII Festival Internacional de Teatro Universitario da USC abre en Compostela do 6 ao 9 de febreiro unha fiestra ás creacións teatrais desenvolvidas polas compañías de teatro universitario das contornas galega, estatal e europea. Ademais da Aula de Teatro da USC, tanto de Santiago como de Lugo, nesta edición participan as escolas de teatro da Universidade de Murcia e da Universidade da Beira Interior de Portugal.
Todas as representacións desenvolveranse no Salón Teatro de Santiago de Compostela ás 21.00 horas e a entrada é de balde previo paso pola billeteira, que abrirá cada día ás 19.00 horas. Despois de cada función, haberá un encontro coas compañías no ambigú do teatro para falar sobre o proceso de creación das pezas.
Programa
A Aula de Teatro da USC de Santiago abre esta edición do festival o martes 6 de febreiro coa estrea de 'Antropoloxía do bico (A síndrome do túnel carpiano)', unha peza en lingua galega de 40 minutos de duración.
O mércores 7 é a quenda para a Aula de Teatro da USC do Campus de Lugo coa representación 'Eréndira é aríndere', unha creación de Andrea González inspirada en textos de Gabriel García Márquez e Mabel Lozano. A peza, en lingua galega, ten unha duración de 52 minutos.
'Margarita con coco', de Edward Allan Baker, é a obra coa que a escola de teatro da Universidade de Murcia intervén no festival o xoves 8. A peza, de 40 minutos de duración, desenvólvese en lingua castelá.
O venres 9 a escola de teatro da Universidade da Beira Interior de Portugal, TeatrUBI, pecha o festival coa representación de 'Cuspir o coraçao', unha creación de Rui Pires en lingua portuguesa, de 45 minutos de duración.