Ir o contido principal
O programa Faíscas Culturais é unha iniciativa da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura que ten como obxectivo prender a reflexión cultural nas aulas da USC e complementar a formación do estudantado a través de intervencións e actividades de carácter cultural
Imaxe do cartel

O programa de faísca cultural Constrúe e deconstrúe: un achegamento ao mundo do fanzine xirará arredor do 'Encontro de fanzines e autoedición' de Vaia Vaia que terá lugar o 18 de outubro na Casa do Saber do campus de Lugo, en horario de 11 a 14 e de 17 a 20 horas. 

A faísca é unha proposta de obradoiros mediante os que se amosará ao estudantado que é un fanzine e como realizalo e cos que se traballará para desenvolver diferentes publicacións onde poidan plasmar o coñecemento das materias 'Antropoloxía cultural' e 'Crítica da cultura' do grao en Xestión Cultural e 'Educación visual e plástica' do grao en Mestre en Educación Primaria, amosando as amplas capacidades de aplicación do fanzine.

Desde a primeira edición do encontro, Vaia Vaia estivo a organizar obradoiros que enriqueceron a experiencia das persoas asistentes. Agora queren dar un paso máis e levar esta iniciativa máis aló do evento, ofrecendo obradoiros ao longo de todo o ano, co obxectivo de seguir creando espazos de aprendizaxe, creatividade e comunidade, achegando ás e aos artistas e ao público para fomentar o intercambio e a conexión. Ademais, queren dar voz á xente para que poida expresar as súas diferentes realidades, adaptando cada obradoiro ao seu contexto e a cada lugar. Desta maneira procuran achegar tamén a USC tanto o fanzine como as súas linguaxes, procurando non só atraer ao sector universitario a esta arte, senón como un xeito de poder espallar os coñecementos xerados na institución ao público non-académico.

O acceso ás actividades é libre para a comunidade universitaria ata completar a capacidade dos espazos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.10.2025.