A Oficina de Igualdade de Xénero da USC colabora un ano máis coa Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (AMIT-GAL) na organización desta xornada para cuxa asistencia é preciso cursar inscrición ata o 18 de abril

A VIII Xornada Mulleres na Ciencia desenvolverase o 21 de abril ás 16.00 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e este ano pon o foco no eido robótica, de plena actualidade no ámbito investigador e con grande impacto interdisciplinar e social.
A xornada contará coas intervencións da delegada do reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro; da decana da Facultade de Ciencias da Comunicación, Ana Isabel Rodríguez Vázquez; da presidenta de AMIT-GAL, María Carreiro; e das profesoras Sonia Valladares e María J. Iniesto, ambas as dúas docentes do grao de Robótica da USC, que ofrecerán o relatorio 'Científicas e tecnólogas no sector agroforestal: Retos e solucións no ámbito da robótica'.
Para participar na sesión, é preciso cursar inscrición a través deste formulario. O prazo remata o 18 de abril ás 15.00 horas.