208. As "guerras xurídicas", ou cando os xuíces fan política
Esta noticia do pasado martes, 24 de maio, na que se informa de que o Tribunal Supremo vai revisar os indultos que o Goberno concedeu ás persoas condenadas polo procès, volveu poñer na prensa e nos faladoiros un anglicismo que xa leva uns anos formando parte do debate público: o lawfare.
Este termo, xurdido a finais do século XX como un xogo de palabras no que á palabra composta warfare ("guerra") se lle substitúe o primeiro elemento por law ("lei"), emprégase para facer referencia ao uso ilexítimo que os poderes xudiciais dun país fan do seu sistema legal coa intención de prexudicar e deslexitimar a unha ideoloxía ou a determinados axentes políticos.
Cando ese concepto se emprega en galego, xuristas e politólogos tenden a manter a palabra inglesa. Pero nós pensamos que é unha decisión equivocada pois tanto a pronuncia como a grafía de lawfare cadran mal coas estruturas do galego; e ademais, é unha forma moi pouco transparente, que non permite deducir o seu significado, algo que si é doado no inglés orixinal.
Por iso, parécenos mellor que se empregue unha expresión galega como guerra xurídica, construída de forma semellante á que usou o inglés para crear a palabra composta, e que tamén se pode atopar en textos galegos. Este mesmo procedemento, con pequenas variacións, é tamén o recomendado en español (persecución judicial ou guerra jurídica), francés (guerre juridique ou guerre du droit) ou catalán (guerra judicial).
| En resumo, evitemos lawfare (igual que no seu momento aconsellamos fuxir de medicane, de mansplaining ou de ransomware), e apostemos por guerra xurídica, unha expresión que encaixa moito mellor en galego. |