62. Trazabilidades sen trazos
Por veces teño a sensación de que algúns conceptos -normalmente bastante abstractos- se poñen de moda e de que durante unha tempada todo o mundo os utiliza e parece saber a qué se refiren.
Pasoume con calidade (especialmente con cultura da calidade), con emprendemento e emprendedores e ultimamente coa trazabilidade.
Este termo, que parecería aludir á 'capacidade que un obxecto ten de ser trazado' ou algo así, en realidade emprégase para designar a 'posibilidade de atopar e seguir o rastro, a través de todas as etapas de produción, transformación e distribución, dun alimento, un penso, un animal destinado á produción de alimentos ou unha substancia destinados a ser incorporados en alimentos ou pensos ou con probabilidade de selo'.[1]
A pregunta que apetece facer a continuación é "E que ten que ver isto con trazar para chamarlle trazabilidade? A dúbida comeza a aclararse cando sabemos que esta palabra é un calco do inglés traceability, que se fundamenta nunha suposta equivalencia entre to trace e trazar. En realidade, o significado de to trace que se reutiliza aquí, exprésano en galego formas como rastrear ou rastrexar.
Atopámonos, xa que logo, diante doutro exemplo de "falso amigo" que se engade a sensible, a aclaramento e a algúns máis que fomos comentando en distintas precisións. Desde o punto de vista lingüístico, en casos coma este débese desaconsellar o uso da forma calcada e potenciar o emprego doutra que non cree esas distorsións entre o significado de palabras da mesma familia léxica, como por exemplo o rastrexabilidade que se recomenda desde o Servizo Galego de Terminoloxía (Termigal).[2] Esta forma describe moito mellor o concepto, non altera de forma retroactiva o significado de trazar en galego, e amais é paralela á denominación empregada en portugués (rastreabilidade).
Outras linguas do noso contorno asumen o calco do inglés, como por exemplo o francés (traçabilité), o catalán (traçabilitat) ou o castelán (trazabilidad), aínda que neste último idioma -especialmente nas súas variantes americanas- tamén se emprega moito a forma rastreabilidad, máis respectuosa co espírito da lingua.
| En resumo, pensamos que rastrexabilidade ou rastreabilidade son as formas máis adecuadas para referirse en galego ao concepto no que hoxe nos centramos, a pesar de que trazabilidade ten un grao de presenza na documentación real (intensificada ademais polo feito de ser a forma maioritaria en castelán) que vai facer difícil a súa substitución total, polo menos a curto prazo. Pero. non ha ser por non intentalo! | 
----------------------------------
[1] Esta definición describe o termo no ámbito da seguridade alimentaria, aínda que tamén se emprega co mesmo sentido xenérico de 'seguir o rastro dun produto' en áreas como o desenvolvemento de software ou a loxística.
[2] Esta recomendación realizouse a través da rolda Terminoloxía do Consello da Cultura Galega.