O apoio titorial extraordinario terá unha metodoloxía de aprendizaxe que se establecerá entre o profesor-titor e o alumno. O profesor-titor definirá as pautas que deberá seguir o estudante no desenvolvemento da aprendizaxe, as que lle proporcionarán os elementos suficientes para avaliar a súa progresión, mantendo, en todo caso, as garantías e transparencia necesarias.
O apoio titorial só poderá solicitarse para realizalo ao longo do curso e presentarse as oportunidades ordinarias de exame, quedando excluída a convocatoria extraordinaria de fin de carreira, é dicir, os alumnos que soliciten apoio titorial para unha convocatoria ordinaria (primeiro semestre, segundo semestre ou anual) poderán presentarse á convocatoria fin de carreira, pero non poderán recibir o apoio titorial para superar a materia nesta convocatoria.
As solicitudes presentaranse de xeito electrónico a través da secretaría virtual do alumno ou a través da sede electrónica da USC nos prazos indicados na convocatoria de matrícula que se publique anualmente.
Poderán solicitalo os alumnos matriculados en calquera titulación oficial de grao da USC, que reúnan os seguintes requisitos:
- Que teñan pendentes de superación para o remate dos estudos do título un máximo de 18 créditos ou tres materias (exclúese do cómputo o traballo fin de grao, as prácticas obrigatorias, as prácticas tuteladas e o prácticum).
- Que teñan esgotadas 2 convocatorias, cando menos, en cada unha das materias para as que soliciten o apoio.
Estes requisitos poderán reunirse ao inicio do curso ou tras os exames do primeiro semestre.
Os matriculados en materias sen dereito a docencia tamén poderán acollerse ao apoio titorial extraordinario, sempre e cando cumpran os demais requisitos establecidos nesta convocatoria para as materias con docencia.
Os estudantes aos que se lles conceda o apoio titorial gozarán do mesmo número de convocatorias ou oportunidades en cada curso académico, para superar a materia, que os demais alumnos, de acordo co que estableza a normativa que sexa de aplicación para as titulacións que estean a cursar.
Non se poderá solicitar apoio titorial no caso de materias cursadas a maiores das necesarias para titularse, agás no caso de que se precisen para outra especialidade, itinerario ou mención.