
O Programa de Voluntariado fronte á COVID-19 é unha proposta da USC para promover unha serie de medidas e actuacións que favorezan a maior sensibilización de cara ao cumprimento dos protocolos de protección fronte á COVID-19 recomendados polas autoridades sanitarias, por parte da comunidade universitaria e o desenvolvemento das relacións sociais dun xeito seguro e san.
Para favorecer a maior e continuada sensibilización da nosa comunidade e promover o cumprimento de medidas de hixiene e comportamentos sociais axeitados, tratarase de promover a participación do alumnado de todas as facultades e escolas, así como das residencias e colexios maiores, nun proxecto integral que implique unha máis intensa formación e sensibilización sobre os comportamentos considerados axeitados para as relacións nunhas contornas como son as facultades, escolas, colexios e residencias e demais actividades da vida diaria dunha comunidade tan extensa e diversa como é a nosa.
A intención é manter de forma activa e de darlle visibilidade ás actuacións que a USC considera de importancia para favorecer a non aparición de gromos na nosa comunidade e, de ser o caso, cal é a vía máis axeitada para o seu rastrexo e control.
Informar e formar ao alumnado sobre a correcta execución das medidas hixiénicosanitarias aplicables en cada momento e fomentar e reforzar o comportamento adecuado para minimizar o risco de contaxio.
Velar polo adecuado cumprimento das medidas de acceso, circulación e ventilación nas instalacións do centro no que desenvolvan a súa actividade.
Informar e concienciar ao alumnado sobre a incidencia dos comportamentos sociais na propagación da enfermidade fomentando a responsabilidade individual e colectiva da comunidade universitaria
O alumnado participante deberá, cando menos, dedicar unha hora ao día a actividades do programa, para contribuír a unha estancia segura, tanto nas aulas como no resto das instalacións do centro e actividades da vida diaria.
- Atender a demanda de información dos compañeiros e compañeiras sobre as diferentes novidades en torno á COVID-19 e as actuacións da USC.
- Notificar ao coordinador/a do programa do centro calquera incidencia que puidera haber en relación cos contidos e actividades propias do programa.
- Sensibilizar á comunidade sobre aspectos básicos como: uso da máscara, hixiene, distancia física,...
- Calquera outra de interese atendendo ás recomendacións das autoridades sanitarias e da saúde.
O acordo do Consello de Goberno do 05-07-2016 sobre recoñecemento de créditos nos estudos de grao ao abeiro do artigo 12.8 do Real Decreto 1393/2007 permite a creación de programas propios que favorezan a participación do estudantado en programas de voluntariado e participación social.
A participación no Programa de Voluntariado fronte á COVID-19 por parte do estudantado terá recoñecemento académico con 2 créditos optativos ECTSpor cuadrimestre. Aquelas persoas voluntarias que desenvolvan actividades de coordinación nas escolas, facultades, residencias e colexios maiores poderán ter recoñecida a súa participación con un crédito ECTS suplementario.
Nun primeiro momento o programa estenderase até finais do primeiro cuadrimestre (entre o 28 de setembro e o 18 de decembro de 2020) e a parte académica (curso en liña do 1 ao 8 de outubro) completarase cunha parte práctica que se desenvolverá en quenda de mañá ou tarde nos cinco días da semana segundo elixa a persoa voluntaria.
De ser o caso e segundo a evolución da situación, o programa poderá ampliarse ao segundo cuadrimestre. Aquelas persoas participantes na primeira quenda non deberán facer de novo a parte académica salvo que existan novas recomendacións das autoridades competentes en materia de saúde que deberan ser incorporadas.
Para favorecer o desenvolvemento dos comportamentos sociais máis axeitados organizarase un curso de formación en liña no que se deberán matricular quen vaia participar no programa a través dunha ligazón habilitada en xescampus. Este apartado académico poderá incluír aspectos como:
- Marco conceptual do voluntariado e a participación social
- Voluntariado no ámbito da saúde
- As enfermidades infecciosas, os coronavirus e a COVID-19
- Diagnose e métodos: unha breve aproximación aos diferentes tipos de test.
- Como recoñecer os casos. Corentena e confinamento, diferenzas.
- Actuacións e medidas a tomar nunha institución educativa de educación superior: as propostas da USC
- Actividades nas escolas e facultades
- Actuacións nos colexios maiores e residencias
Esta parte teórica ten unha duración estimada de traballo persoal de 15 horas. Será obrigatoria e completarase coa práctica activade accións de sensibilización e concienciación sobre como actuar durante a vida diaria na nosa comunidade universitaria.
Aberto o prazo de matrícula ate o 28 de setembro de 2020.
Debe realizarse o 100 % do total das horas para que a participación sexa recoñecida academicamente. É obrigatoria a entrega dun informe final para a avaliación do aproveitamento (non menos de 1.000 palabras).