Breve currículum vítae
María José López Couso é licenciada en Filoloxía Xermánica (Inglés) e doutora en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago de Compostela, a cuxo Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá se incorporou en 1988 como bolseira do Programa de Formación de Profesorado e Persoal Investigador (FPI) do Ministerio de Educación e Ciencia e no que máis tarde ocupou prazas de Profesora Asociada, Titular Interina e Titular de Universidade. Dende febreiro de 2023 pertence ao corpo de Catedráticos de Universidade.
Membro do grupo de investigación Variation, Linguistic Change and Grammaticalization, a súa actividade investigadora está enmarcada nas áreas da variación e o cambio lingüístico na lingua inglesa, en particular en procesos de gramaticalización, construcionalización, subxectivización e intersubxectivización.
No ámbito da xestión universitaria, desempeñou os cargos de vicerreitora de Titulacións e Captación Internacional (2020-2022), decana da Facultade de Filoloxía (2012-2020), da que tamén foi vicedecana (2008-2012) e Responsable Académica de Mobilidade (2002-2004), de presidenta do Colexio de Decanos/as e Directores/as de Centro da USC (2014-2019) e de vogal da Comisión Permanente da Asociación de la Conferencia de Decanatos de Centros Universitarios con Titulaciones en Artes y Humanidades (ADEAH). Foi tamén membro da Comisión de Coordinación do Campus da Cidadanía e da Comisión Editorial Académica do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC. Así mesmo, ocupou cargos de responsabilidade en varias asociacións internacionais no ámbito da lingüística, entre outras ICAME (International Computer Archive of Modern and Medieval English), a cuxo Comité Executivo pertenceu entre 2009 e 2017.
Membro de comisións de avaliación de diferentes axencias nacionais (ANEP, AVAP, AQU) e internacionais (FWO, NWO) e de consellos de redacción de varias revistas científicas, nos últimos anos desenvolveu ademais un intenso labor de formación de investigadores noveis, coa dirección de dez teses de doutoramento, máis dunha trintena de Memorias de Licenciatura, Traballos de Investigación Tutelados e Traballos de Fin de Mestrado, e a titorización e supervisión de varios contratados predoutorais de programas autonómicos e estatais (FPU, FPI).