Santiago de Compostela
Exposición: Primeiro andar
Mesas redondas: Aula Magna
Co gallo do vixésimo aniversario do afundimento do Prestige, a Facultade de Xeografía e Historia acollerá un programa de actividades que revisan as consecuencias ambientais e sociais da catástrofe

Unha exposición, dúas mesas redondas e unha actuación musical conforman o programa de actividades do ciclo '20 anos do Prestige. Unha aproximación interdisciplinar' co que a Facultade de Xeografía e Historia devolve unha ollada crítica ás consecuencias do afundimento.
Miguel Anxo Rodríguez e María Gil Martínez coordinan este ciclo que aborda desde diferentes puntos de vista (educación ambiental, arte, antropoloxía, etc.) o que aconteceu, e que pon un foco especial na resposta da sociedade galega, na actual dependencia de enerxías fósiles e nas ameazas derivadas da súa circulación.
A mostra instalarase no primeiro andar da Facultade de Xeografía e Historia o xoves 16 de febreiro e poderá ser visitada ata o 20 de marzo. Unha selección de paneis explicativos, carteis, publicacións e vídeos favorecen un espazo de reflexión que nos convida a revisar o acontecemento, as consecuencias da demora na toma de decisións políticas, a manipulación da que foron obxecto os medios de comunicación e a extraordinaria reacción popular de protesta. Chámannos, 20 anos despois, a dar resposta ás seguintes preguntas: estamos agora en mellores condicións para responder a un accidente de dimensións parecidas? A rápida reacción cidadá correspóndese cun compromiso por mudar o noso modo de vida e reducir a dependencia dos combustibles fósiles?
A primeira das mesas redondas terá lugar o mesmo xoves ás 18.30 horas na Aula Magna da Facultade. Baixo o título 'As dimensións da traxedia' abordará as facetas múltiples do acontecido: a mobilización social, a conciencia medioambiental, as formas de articulación da protesta, e a creatividade colectiva. Nela participarán representantes do mundo das artes con implicación na plataforma Nunca Máis, como Uxía Senlle (música e portavoz da plataforma) e Pepe Galán (artista plástico e membro de Burla Negra e Nunca Máis) e persoal investigador da USC nos ámbitos da antropoloxía, economía e educación medioambiental, como Guadalupe Jiménez Esquinas, Xoán Ramón Doldán e Pablo A. Meira
O segundo faladoiro desenvolverase o xoves 23 de febreiro ás 18.30 horas tamén na Aula Magna no centro. A conversa fara confluír temas relativos á memoria do acontecido e o rexistro da produción cultural. A protesta acadou unhas dimensións extraordinarias e tivo unha vertente estética que merece ser estudada. En moitos casos a protesta asumiu formas lúdicas e desenvolveuse con prácticas performativas que implicaron a “activación artística da cultura popular”, en palabras de Germán Labrador. Unha mestura de referentes que deu lugar a novas prácticas de estetización do disenso. Coa participación da escritora Rosa Aneiros, o investigador Daniel López Abel, a investigadora María Bella e o fotógrafo e editor Xosé Lois Vázquez 'Che'.
Ese mesmo día, o Paraninfo da Facultade acollerá a partir das 18.30 horas a actuación musical do grupo De Vacas.
A programación conta coa colaboración da Asociación Cultural Burla Negra, a Comisión de Actividades Culturais e Normalización Lingüística da Facultade, e do Servizo de Normalización Lingüística da USC..



