Os días 20 e 21 de novembro, a Cidade da Cultura de Galicia acolle a 25 edición do Congreso Internacional Galicia-Norte de Portugal de Formación para o Traballo, que se desenvolve baixo o lema ‘Formación dual e emprego: novos retos, novos escenarios’. O evento, de carácter anual e con sede alterna entre Galicia e o Norte de Portugal, reflicte un cuarto de século de compromiso coa mellora da formación e a inserción laboral.
A formación dual constitúese no eixo artellador da cita, dada a súa importancia como metodoloxía que a través da formación complementaria no centro de formación coa realizada na empresa ou institución crea un espazo privilexiado para o desenvolvemento de competencias de diversa índole, con especial mención ás persoais e transversais directamente vinculadas ao futuro exercicio profesional, promovendo así un desenvolvemento integral do estudantado. Esta situación permite mellorar a empregabilidade contribuíndo ao equilibrio entre a oferta formativa e a demanda do mercado laboral, e dando resposta á mellora da inserción laboral xuvenil cualificada e con experiencia profesional, sen dúbida un dos maiores desafíos para as políticas públicas de emprego no contexto español e internacional.
O programa inclúe mesas redondas, paneis temáticos, comunicacións científicas, actividades de traballo en rede e espazos de innovación, co obxectivo de promover alianzas estratéxicas e compartir boas prácticas entre os distintos axentes implicados na formación e o emprego.
O congreso, organizado polo do Grupo GEFIL da USC (Grupo Galego de Estudos para a Formación e a Inserción Laboral), o Instituto do Emprego e Formación Profesional de Portugal e a Universidade do Porto, desenvólvese en formato presencial e virtual, podendo contribuír cun máximo de 2 comunicacións por persoa, as cales exporanse unicamente de forma virtual mediante o envío dun vídeo e posterior debate.