Organizada polo Grupo de Investigación Spertus do Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá da USC

Os próximos 28 e 29 de setembro celébrase na Facultade de Filoloxía da USC a 9th Conference on Computer-Mediated Communication and Social Media Corpora. Trátase da novena edición dunha prestixiosa serie de congresos internacionais anuais sobre compilación, anotación, procesamento e análise de corpus de comunicación por ordenador e en medios sociais. O congreso, que nas súas últimas edicións tivo lugar nas universidades de Nimega, París-Sena e Amberes, e que nesta ocasión acolle a USC, posúe unha clara vocación interdisciplinar, constituíndo un punto de encontro entre especialistas en lingüística de corpus, as tecnoloxías lingüísticas ou a socioloxía, entre outros. O congreso contará coa participación dun amplo grupo de expertos internacionais procedentes de países como Alemaña, Alxeria, Bélxica, Brasil, España, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Israel, Países Baixos e Reino Unido.
A comunicación dixital, que desempeña un papel clave na vida privada, profesional e académica da maioría das persoas, amosa unhas particularidades que suscitan cada vez máis interese entre a comunidade científica. Malia a evidente accesibilidade e gran dispoñibilidade de datos para o seu estudo, pola súa propia natureza multimodal, tanto a recollida e preparación dos mesmos en corpus coma o seu posterior estudo presentan dificultades específicas que requiren de solucións e ferramentas novas.
A temática do congreso articúlase en torno a catro grandes eixos temáticos: problemas específicos da compilación de corpus de comunicación dixital, análise lingüística das distintas formas de comunicación por ordenador e en medios sociais, cuestións de procesamento automático da linguaxe específicas deste tipo de textos e minaría de datos lingüísticos en medios sociais.
Durante o congreso presentaranse máis de trinta relatorios sobre temas tan diversos como Twitter como ferramenta de propaganda política e ideolóxica, o papel das redes sociais no reforzo de estereotipos de grupo, o significado e as funcións das emoticonas ou os medios sociais como ferramenta de divulgación científica, entre outros. Haberá ademais dúas conferencias plenarias impartidas por especialistas de gran renome internacional, Crispin Thurlow, da Universidade de Berna, e Rosa Lorés Sanz, da Universidade de Zaragoza. Durante o evento tamén está prevista a organización dun obradoiro sobre técnicas de minaría de datos lingüísticos en redes sociais, coordenado por Paulo Gamallo Otero e Iria de Dios Flores, do CITIUS (USC).
O evento está organizado polo Grupo de Investigación Spertus do Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá, integrado en LinGloDixing, programa propio agrupado de investigación e xestión da USC.