A Cátedra de Vida Saudable da USC celebra ese día cunha acción para concienciar sobre a vida sa e o benestar de todas as persoas

A USC, a través da Cátedra de Vida Saudable financiada pola Consellaría de Sanidade, súmase este martes 1 de outubro á celebración do ‘Día das Universidades Saudables’, impulsado e coordinado pola Rede Española de Universidades Promotoras de Saúde (REUPS). Con tal motivo, a Cátedra en colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro levará a cabo unha acción de sensibilización este martes entre as 13:00 e as 15:00h diante da Facultade de Matemáticas.
Os Obxectivos do Desenvolvemento Sostible definidos por Nacións Unidas na Axenda 2030 comprometen a todos os poderes públicos a “garantir unha vida sa e promover o benestar para todas as persoas, a todas as idades”. Especificamente, a meta 3.4 establece o compromiso de “reducir nun terzo a mortalidade por enfermidades non transmisibles mediante a súa prevención e tratamento, e promover a saúde mental e o benestar”.
Xa que logo, a USC quere implicarse de forma activa en difundir e sensibilizar a toda a poboación vinculada coa comunidade universitaria sobre os logros alcanzados e os retos pendentes para a promoción da saúde no contexto universitario. O obxectivo principal é desenvolver o proxecto de campus saudable tanto na universidade como na sociedade en xeral, a través de procesos participativos, colaborativos e dinámicos, que fagan máis fáciles as opcións máis saudables.
Ademais do compromiso coa promoción da saúde, a Rede Española de Universidades Promotoras de Saúde (REUPS) traballa con vistas aos Obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) que recolle a Axenda 2030. As súas liñas de actuación comprenden alimentación saudable, actividade física, saúde emocional, educación afectiva-sexual, prevención do VIH, adiccións, seguridade viaria e prevención oncolóxica, entre outras.