Actividade desenvolvida ao abeiro do Plan de Desenvolvemento Sostible en colaboración con Composcleta.

O Centro de Estudos Avanzados (CEA) da USC acollerá o venres 1 de abril o encontro 'Activando a mobilidade en bicicleta', un faladoiro que afonda na potenciación deste vehículo como medio de transporte e que organiza o Plan de Desenvolvemento Sostible da USC en colaboración coa asociación cívica Composcleta e no que tamén participan o Concello de Santiago e ConBici, a coordinadora estatal para a promoción da bicicleta.
Dende a concepción da bicicleta como medio de transporte sustentable que contribúe á mellora da calidade de vida da poboación e a un sistema social máis xusto, o faladoiro procura aguilloar a reflexión conxunta sobre as súas posibilidades na nosa contorna. Para iso contará coas intervencións de Laura Vergara, coordinadora xeral de ConBici; Enrique Pérez, secretario da entidade; e Gonzalo Muíños, concelleiro de Mobilidade do Concello de Santiago.
O encontro arrancará as 19.00 horas e a entrada é libre ata esgotar a capacidade da sala.
Nos días posteriores, o 2 e 3 de abril, terá lugar tamén a Asemblea Xeral de ConBici en Santiago.