A catedrática Milagros Fernández Pérez será a encargada de pronunciar o discurso inaugural
O acto académico da solemne apertura do curso 2023-24 desenvolverase o día 15 de setembro a partir das 12 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca.
O reitor Antonio López presidirá este evento que contará coa presenza de Alfonso Lago Ferreiro, vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente da Universidade de Vigo; Ernesto Xosé González Seoane, vicerreitor de Profesorado da USC; María José López Couso, vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC; Pilar Murias Fernández, vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC; Cecilia Sierra Rey, presidenta do Consello Social da USC; e Ernesto Pedrosa Silva, presidente do Consello Social da UVigo.
Tras a apertura solemne do acto por arte do reitor, a secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella dará lectura á memoria do curso 2022-23. A seguir, terá lugar o discurso do presidente do Consello do Estudantado da USC, Emilio Vázquez Lage, e a lección maxistral 'Lingüística xeral proxectada' que pronunciará a catedrática de Lingüística Xeral Milagros Fernández Pérez.
O acto, que contará coas intervencións musicais do Grupo vocal 'Solo Voces', poderá seguirse en liña a través da canle de YouTube da USC.