O acto estará presidido pola decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón

A promoción de 2017 de ESTALMAT-Galicia despídese cunha sesión especial para os estudantes e as súas familias, que será impartida pola decana da Facultade de Matemáticas da USC e membro do Comité Organizador de ESTALMAT_Galicia, Elena Vázquez Cendón. Baixo o título 'As matemáticas como profesión hoxe', versará sobre a visibilidade da ciencia e das matemáticas na sociedade, con un percorrido pola historia das matemáticas na USC salientando ás persoas que a fixeron posible, cun especial recoñecemento ás mulleres.
Informarase ademais dos estudos de grao, dobres graos e másteres que se poden cursar nesta Facultade, presentando os datos correspondentes de satisfacción e empregabilidade, así como as diversas posibilidades que ofrecen hoxe os estudos de matemáticas.
ESTALMAT-π é un programa anual que se lle ofrece ao alumnado que remata os dous primeiros cursos do Programa para o Estímulo do Talento Maemático en Galicia. Esta promoción é a primeira que asistiu á programación renovada de ESTALMAT- π, na que, ao longo de quince sábados, durante tres horas e xunto a 30 profesores e profesoras, desenvolveron actividades que amosaron a importancia que teñen as matemáticas para resolver os problemas da humanidade.