O primeiro decano de Filosofía e Ciencias da Educación, Carlos Baliñas Fernández, impartirá a conferencia ‘O nacemento dos Estudos de Pedagoxía na Universidade de Santiago de Compostela’
O reitor Antonio López preside o luns 2 de decembro o acto de conmemoración dos 50 anos dos estudos de Pedagoxía en Galicia, evento que se desenvolverá no Salón Nobre do Colexio de Fonseca a partir das 11.30 horas e que organiza a Facultade de Ciencias da Educación compostelá. Tras a apertura do acto, intervirá a decana do centro, Mar Lorenzo Moledo, e a continuación o primeiro decano da Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación Carlos Baliñas Fernández, impartirá a conferencia ‘O nacemento dos Estudos de Pedagoxía na Universidade de Santiago de Compostela’. Acompañaranos na mesa a directora do Instituto de Ciencias da Educación da USC, Carmen Fernández Morante; a decana da Facultade de Psicoloxía, María José Sampedro Vizcaya, e o decano da Facultade de Filosofía, Xavier de Donato Rodríguez.
Deseguido presentarase o monográfico na ‘Revista de Innovación Educativa’ dedicado ao ‘50 aniversario dos estudos de Pedagoxía en Galicia (1974-2024)’, coa intervención da directora do ICE Carmen Fernández Morante, e dos profesores da USC Miguel Anxo Santos Rego, José Antonio Caride Gómez e José Felipe Trillo Alonso.
Tras esta presentación terá lugar a intervención de Aurora Varela Duro, representante da primeira promoción da Licenciatura en Filosofía e Ciencias da Educación (1974-1978), e de Luis Carrera González, da promoción do Grao en Pedagoxía (2020-2024). Clausurará o acto o reitor Antonio López.