Ir o contido principal

Acto de conmemoración do Día Internacional das Mulleres

10.03.2025 | 12.00h

A USC conmemora o 8M nos campus de Santiago de Compostela e Lugo

Lugo e Santiago de Compostela acollerán a lectura do manifesto da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (RUIXEU). Imaxe de arquivo dun laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite
Lugo e Santiago de Compostela acollerán a lectura do manifesto da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (RUIXEU). Imaxe de arquivo dun laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite

A USC conmemora o 10 de marzo o Día Internacional das Mulleres nos seus campus de Santiago de Compostela e Lugo a través dun amplo e diverso programa de actividades aberto ao conxunto da comunidade universitaria. 

Campus de Santiago 

En Compostela, terá lugar un acto público no que se recoñecerá o programa Unha enxeñeira ou científica en cada cole e a súa coordinadora e profesora da Área de Física Aplicada da USC, Encina Calvo Iglesias, pola súa traxectoria en prol da igualdade de xénero na USC. Presidido polo reitor Antonio López, será ás 12.00 horas no salón Nobre do Colexio de Fonseca. 

Como todos os anos, este acto dará comezo coa lectura do manifesto da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (RUIXEU) por parte da delegada do reitor para a Igualdade, Sonia Esperanza Rodríguez Boente. Logo dela, intervirán a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana Pérez, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartin.

A continuación, a profesora Encina Calvo recollerá a placa con Mención Honorífica e pronunciará a conferencia ‘Dez edicións do programa para promover as vocacións femininas no ámbito CTEM’.

Quen desexe asistir a este acto debe confirmalo no antes do 6 de marzo ás 14.00 horas no correo electrónico oix [at] usc.gal (oix[at]usc[dot]gal). Tamén se poderá seguir en directo a través da canle Youtube da USC: https://www.youtube.com/live/ZDV6Y4n_8as.

Campus de Lugo

No exterior do Edificio Intercentros do Campus de Lugo, procederase tamén á lectura do manifesto RUIXEU, nun acto impulsado polas comisións de Igualdade da sede universitaria luguesa. O acto desenvolverase ás 12.00 horas. Este ano e por quenda rotatoria, a encargada de dar lectura ao manifesto será a profesora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, María Dolores Fernández Rodríguez. A Facultade de Formación do Profesorado realizará tamén a lectura do manifesto á mesma hora. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.03.2025.