
O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, preside este xoves 24, ás 11.30 horas, a sesión coa que a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) da USC conmemora o Día da Terra. O acto que se desenvolverá no Salón do centro contará tamén coas intervencións de Rosa Romero Franco, directora da EPSE; o alcalde de Lugo, Miguel Fernández; Tomás Fernández-Couto Juanas, subdirector xeral de Espazos Naturais da Xunta de Galicia; e Sagrario Sánchez Ramil, directora Territorial de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia.
Pablo Ramil Rego, director do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural da USC (IBADER) impartirá o relatorio ‘A Infraestrutura verde local e a restauración ecolóxica’; mentres que María Jesús Rodríguez de Sancho, directora xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, abordará ‘A Estratexia Nacional de Infraestrutura Verde e da conectividade e restauración ecolóxicas’. O caso galego será analizado por Enrique Luis de Salvador Sánchez, director do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia, a través do relatorio ‘Estratexia Galega da Infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas’.