As 31 prácticas recoñecidas nas catro convocatorias anteriores poden consultarse no Repositorio de Boas Prácticas

A USC recoñece xa dende hai cinco anos as boas prácticas de calidade que poñen en marcha os seus centros docentes. Faino coa convocatoria duns premios que xa van pola quinta edición e á que este ano hai que lle sumar tamén un novo recoñecemento á implicación na obtención de resultados fiables nas enquisas de satisfacción do estudantado coa docencia recibida.
Os premios desta V edición entregaranse este mércores 17 nun acto que presidirá o reitor ás 11.00 horas no Salón de Graos do Colexio de San Xerome e no que tamén participará a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, e o adxunto á Vicerreitoría para a Calidade, Antonio Mosquera Gonzalez.
Repositorio de boas prácticas
Enténdese como boa práctica o conxunto de principios, medidas, actuacións ou experiencias xa implantadas nun centro que, reportando vantaxes de forma constatada e probada nas distintas dimensións implicadas no seu Sistema de Garantía de Calidade, poida constituír un referente a seguir para outros centros.
As 31 prácticas que foron recoñecidas nas catro convocatorias anteriores -correspondentes a 2019, 2020, 2021 e 2022- poden consultarse no Repositorio de Boas Prácticas da USC.