Ir o contido principal

Acto de entrega de premios do VIII Concurso Literario Mazarelos

15.11.2022 | 19.00h

Santiago de Compostela
Salón de Actos

Este certame de carácter anual convócase co obxectivo de fomentar a creatividade da mocidade universitaria e de desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega, así como para contribuír a descubrir potenciais figuras deste eido da cultura. 

Acto de entrega de premios do VIII Concurso Literario Mazarelos
Acto de entrega de premios do VIII Concurso Literario Mazarelos

O próximo martes día 15 ás 19.00 horas terá lugar na Facultade de Filoloxía a entrega de premios do VIII Concurso Literario Mazarelos , que organiza a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía en colaboración con Servizo de Normalización Lingüística da USC e o apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.  

Este certame de carácter anual convócase co obxectivo de fomentar a creatividade da mocidade universitaria e de desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega, así como para contribuír a descubrir potenciais figuras deste eido da cultura. Cara a ese fin, inclúe dúas categorías para a presentación dos traballos: modalidade aberta e modalidade científica.

Na primeira delas, o xurado concedeu o primeiro premio á obra Pater familias, de Gael Uxío Proupín Cantelar, mentres que o segundo dos galardóns recau en Na beira do Leteo, de Jennifer Torres Mira, e houbo tamén un accésit para Poesía a marteladas, de Marco Bravo Rodríguez.

Entre os traballos presentados na modalidade científica, o primeiro premio recaeu en Sabela Blanco Penelas por Diario dunha abella.

Concerto de LaMontagne & PicoAmperio

O acto de entrega de premios inclúe unha actuación dos artistas LaMontagne & PicoAmperio, capaces de establecer pontes coas músicas e literaturas de antano traéndoas de volta ao presente a través de sons futuristas e tecnolóxicos

Recontextualizando a lírica de Rosalía de Castro, Luz Fandiño, Xela Arias, Fernando Pessoa García Lorca, dos trovadores Martín Códax, Airas Nunes de Santiago e Alfonso X ou coas súas creacións propias a voz de Lamontagne e os loops de PicoAmperio fan que o público se teletransporte a un universo híbrido, único, hipnótico e, sobre todo, absolutamente magnético.  

Comezaron xuntos a súa andaina no 2019 xa levaron a súa personalísima proposta ata eventos de prestixio coma os ciclos MUBEA, o MMVV, o ciclo Vangal o o Monkey Week. Ademais, foron recoñecidos co Premio Martín Códax da Música ao mellor proxecto de “músicas urbanas” e acadaron o primeiro posto nas listas demoscópicas 2019 de Mondosonoro. O seu recente encargo como protagonistas do concerto oficial do Día das Letras Galegas de 2021, dedicado á poeta Xela Arias, e súa recente presenza en festivais coma o BAM, Cantos na Maré, Periferias ou Sinsal só dan boa mostra de que a súa imparable expansión é unha viaxe sen retorno que xa comezou. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.11.2022.