
A familia do compositor vigués Enrique Xerardo Macías Alonso (1958-1995) cédelle temporalmente o seu patrimonio artístico á Universidade de Santiago de Compostela mediante a modalidade de contrato comodato, reafirmando o seu compromiso coa educación e cultura. Grazas á mediación de Roberto Oliveira e o Grupo de investigación Organistrum, decidiu trasladar os seus fondos documentais á USC enriquecendo así o patrimonio cultural da institución e poñéndoo á disposición de estudantado e persoal de investigación. O acto formal de entrega, que presidirá a secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella, desenvolverase o mércores 19 de xuño no Salón Nobre do Colexio de Fonseca ás 12.30 horas.
Durante este evento exhibiranse algúns dos elementos máis destacados da colección, e realizarase unha presentación na que participarán o irmán do compositor, Javier Macías Alonso; a coordinadora do Grupo Organistrum, Montserrat Capelán; a directora da Biblioteca Universitaria (BUSC) María Isabel Casal Reyes, e o investigador Roberto Oliveira-Ogando. O acto, co que se honra a memoria do compositor, pecharase coa reprodución da obra acusmática ‘Lied für María’ (1982) que se realizará mediante dispositivo analóxico, utilizando unha das cintas magnetofónicas orixinais do compositor.
No contexto dun arquivo patrimonial, un contrato de comodato é o acordo mediante o cal unha persoa física, institución ou entidade responsable do arquivo (o comodante) cede temporalmente documentos, obxectos ou materiais da súa colección a outra institución, persoa ou entidade (o comodatario) para a súa exhibición, estudo, conservación ou outros fins específicos. O obxectivo principal deste tipo de contratos é garantir a preservación e seguridade dos materiais prestados; isto axuda a protexer o patrimonio cultural e facilita a colaboración entre institucións para promover o acceso e a difusión do coñecemento histórico.
Os documentos que compoñen esta colección foron dixitalizados, incluída unha colección de 180 cintas magnetofónicas das que se puido recuperar un 92% do seu contido. Este labor de preservación e dixitalización permite acceder á riqueza da obra de Macías dunha maneira máis accesible e duradeira.