Ir o contido principal

Acto de homenaxe á primeira enxeñeira de Montes de Galicia

10/02/2023 - 13.00 horas

A EPS de Enxeñaría da USC lembra a María Teresa Villarino Valdivielso coa colocación dunha placa co seu nome no Aulario 1 do centro universitario lugués

Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC
Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC rende este venres, a partir das 13.00 horas, homenaxe á primeira muller enxeñeira de Montes de Galicia, María Teresa Villarino Valdivielso, coa instalación dunha placa conmemorativa no aulario 1 do centro universitario lugués.

A directora da EPS de Enxeñaría da USC, Rosa Romero, presidirá este acto, organizado co gallo da celebración do Día da Muller e a Nena na Ciencia, unha efeméride que se lembra cada 11 de febreiro, no marco dunha sesión na que tamén participará a irmá da homenaxeada, Ana Villarino Valdivielso. A catedrática da USC María Isabel Fernández García fará unha laudatio sobre esta pioneira da enxeñaría de Montes en España, xusto antes de proceder á apertura da mostra ‘A muller e a nena na ciencia’, unha exposición que fai un percorrido polas primeiras mulleres científicas galegas, con especial atención ás disciplinas relacionadas coa Escola Politécnica Superior de Enxeñaría.

A EPS de Enxeñaría aproveitará a celebración desta efeméride para lembrar as mulleres xa egresadas do centro universitario lugués, a través dunha escolma dos sus testemuños. Este tipo de accións pretenden, segundo subliñou a Rosa Romero, ofrecer referentes que contribúan a animar as nenas a cursar estudos de enxeñaría.

Villarino Valdivielso

María Teresa Villarino Valdivielso (Lugo, 1943) é a primeira enxeñeira de Montes de Galicia e unha das catro primeiras tituladas de España. Estuda na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Montes de Madrid, onde remata a súa formación en 1969. Doutora Enxeñeira de Montes en 1969, Villarino Valdivielso diplómase en ordenación do territorio, avaliación de impacto ambiental e xardinería e paisaxismo.

María Teresa Villarino Valdivielso exerceu a súa profesión na Universidade, ao tempo que creou a empresa de consultoría e enxeñaría ambiental Melissa S.A. Foi tamén docente en cursos de posgrao en institucións públicas e privadas nacionais e internacionais, ademais de autora de máis de 25 libros, capítulos de libros e artigos.

A primeira enxeñeira de Montes de Galicia foi tamén membro do Comité de Enxeñaría e Desenvolvemento Sostible de España. Na súa andaina profesional, esta muller colleitou numerosos e importantes distincións. Así, en 1978, recibiu o Premio Nacional de Urbanismo, un galardón ao que anos máis tarde se sumarían os premios ao exercicio de libre da profesión, outorgado polo Colexio de Enxeñeiros de Montes en 2008, e o Premio á Excelencia Académica, concedido por CEPADE no ano 2012.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.02.2023.