Ir o contido principal

Acto de presentación da Cátedra Interinstitucional en Patrimonio Cultural Dixital

26.04.2023 | 12.00h

A Cátedra na que participa a USC a través de CRUSOE nace coa finalidade de fomentar a docencia, a investigación e difusión dos coñecementos no ámbito do Patrimonio Cultural Dixital

Cartel da actividade
Cartel da actividade

A Conferencia de Reitores das Universidades e Institutos Politécnicos do Suroeste Europeo (CRUSOE), constituída polas universidades de Galicia, Castela-León, Asturias, Cantabria, así como as rexións norte e centro de Portugal, participa na creación da Cátedra Institucional en Patrimonio Cultural Dixital  colaboración público-privada entre CRUSOE, Xunta de Galicia e NTT DATA.

O acto de presentación desenvolverase o mércores 26 de abril ás 12 horas na sede do CISPAC (Seminario 103, Edificio Fontán, Cidade da Cultura)

A Cátedra nace coa finalidade de fomentar a docencia, a investigación e difusión dos coñecementos no ámbito do Patrimonio Cultural Dixital. Focalízase no acervo patrimonial e cultural da eurorrexión SOE, unha referencia de ámbito mundial con varias cidades e lugares recoñecidos como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. “A iso cabe sumar a riqueza de museos, arquivos e bibliotecas, cuxos fondos e activos cunha casuística propia en canto á transición dixital, atesouran un importante potencial de xeración de recursos vinculado aos novos modelos da economía dixital”, explican os promotores da iniciativa.

Así mesmo, a Cátedra servirá como instrumento para favorecer a colaboración entre persoal investigador, profesorado e profesionais de renome internacional, tanto cos das institucións pertencentes a CRUSOE, como con aqueles pertencentes ao sector público e privado vinculados aos diferentes ámbitos e áreas de impacto e interese no Patrimonio Cultural Dixital.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.04.2023.