Ir o contido principal

Festival de artes escénicas 'USCénica 2020'

'Ada ou contar de memoria unha novela de Nabokov', a cargo de María Roja

09.07.2020 | 20.30h

Sala de teatro Roberto Vidal Bolaño

O aforo estará reducido seguindo o protocolo de seguridade. O despacho para retirar as entradas permanecerá aberto desde as 19.00 horas

Imaxe do espectáculo. Foto: María Roja
Imaxe do espectáculo. Foto: María Roja

Esta obra, a cargo da actriz María Roja, terá lugar na sala de teatro Roberto Vidal Bolaño, e o prezo da entrada será de 3 euros. A función comeza ás 20.30 horas e dura 45 minutos.

'Ada ou contar de memoria unha novela de Nabokov' propón unha sorte de visita guiada ao rexistro que do texto permaneceu nas performers de xeito natural, entretecido este con acontecementos persoais íntimos e eventos históricos de certa relevancia, xustapostos no tempo a dita escoita/lectura. A través dun inventario narrativo e formal descontinuo, desbótase a reconstrución fiel do relato textual en favor da implicación física do corpo e do contexto no acto de recordar. 'Ada ou contar de memoria unha novela de Nabokov' tenta ser un exercicio de rescate da memoria orgánica, debedor das nosas tradicións oral e física.

O festival 'USCénica 2020' terá lugar entre o 1 e o 18 de xullo. Esta iniciativa, que se desenvolverá entre a sala de teatro Roberto Vidal Bolaño, o Salón Teatro e a terraza do Auditorio da Universidade, inclúe tanto funcións de teatro coma concertos. A totalidade da recadación do festival irá destinada á asociación Banco de Alimentos de Santiago de Compostela. A tal efecto, pódese adquirir unha butaca 0 para contribuír a esta axuda sen asistir a ningunha función, facendo un ingreso no nº de conta ES69 0049 1467 29 2010476054 (Banco Santander). 

Dado o aforo reducido, non existe a posibilidade de mercar un abono para todo o festival. Unha vez comezada a función non se permitirá o acceso a ningún dos espazos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.06.2020.