O acto desenvolverase ás 20.00 horas na Biblioteca Provincial de Lugo, no marco dunha sesión durante a que se procederá a entrega de premios aos autores das fotografías mellor valoradas polo xurado

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Monsterrat Valcárcel, inaugurará este mércores, 22 de decembro, ás 20.00 horas, na Biblioteca Provincial de Lugo a mostra do XXVII Maratón Fotográfico do Campus de Lugo, unha exposición que achega ao público unha escolma das imaxes presentadas a este certame artístico promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo.
A inauguración deste mostra estará precedida do acto de entrega de galardóns ás persoas autoras das fotografías máis valoradas polo xurado desta edición, un comité do que formaron parte o adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Estudantes, Cultura, Internacionalización e Servizos, Jesús Varela Zapata; a deputada provincial e concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Tareixa Ferreiro; o coordinador do certame, Eduardo Rodríguez Ochoa, e María Isabel Pérez Fórneas.