O Arquivo Histórico Universitario de Santiago quere dar a coñecer a súa propia e extensa historia, tan vinculada á da Universidade da que emana o rico patrimonio documental que acolle, xestiona e conserva.

Con ese fin, promove a exposición Arquivo Histórico Universitario. Crónica dunha custodia, que poderá ser visitada dende o 27 de abril ao 28 de maio na capela do Colexio de Fonseca. A mostra é comisariada pola directora do Arquivo Histórico Universitario, Desirée Domínguez Pallas, e conta coa colaboración da Deputación da Coruña. O acto inaugural terá lugar o propio mércores 27 ás 19 horas no Salón Nobre do Pazo de Fonseca e contará coa presenza do reitor da USC, Antonio López e a directora do Arquivo Histórico Universitario.
Mediante o percorrido cronolóxico que se propón a partir dos principais fitos históricos que repercutiron, dun xeito ou doutro, na súa xénese e evolución, pretende amosar tamén o proceso de conformación do seu corpus documental ao longo do tempo.
Para ilustrar estes feitos, amosará a documentación máis representativa, con valor histórico ou aquela que aporta información curiosa ou descoñecida, ademais de expoñer unha selección das súas xoias documentais que, por primeira vez, sairán dos depósitos do arquivo para que poidan ser contempladas publicamente.
Finalmente, estará tamén presente a dimensión humana desta custodia, isto é, a documentación relativa a aquelas persoas vinculadas ou responsables do arquivo nas distintas épocas, reflexo, así mesmo, da propia evolución da figura do arquiveiro ata o seu recoñecemento como profesión coa creación da especialidade a mediados do século XIX.
A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.