Evento organizado coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia e Innovación, e patrocinado pola Sociedade Española de Astronomía

Fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas en xeral e, entre as nenas e adolescentes, en particular, é a meta da exposición ‘Astrónomas’ centrada nas mulleres que dedicaron a súa vida ao estudo da astronomía. A mostra é herdeira da exposición ‘Con A de astrónomas’, creada no marco do Ano Internacional da Astronomía 2009 e que percorreu centos de centros culturais, bibliotecas e institutos de secundaria de toda España ao longo da última década, contando tamén cunha versión dixital que inclúe información de 270 astrónomas.
Podes visitar a exposición no Claustro Alto do Colexio de Fonseca durante un mes, do 29 de setembro ao 29 de outubro. Poderase visitar de luns a venres en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.
O vindeiro 29 de setembro terá lugar a inauguración ás 11.30 horas, á que está previsto que asistan a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo; a coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero, Eva Aguayo; e a decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón, xunto coa comisaria da mostra Josefina F. Ling.