O concerto, no que o artista pontevedrés actuará xunto coa banda completa, comezará ás 21.00 horas na Praza de Santa María. A entrada é libre e de balde para todo o público interesado

O artista pontevedrés Alberto Mira, Berto, abre este mércores o ciclo Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Deputación Provincial de Lugo e Concello de Lugo, coa presentación do seu último disco, ‘Bailar Chikito’, un traballo que é o resultado da mestura orgánica entre o Pop, a música electrónica, o trap e o techno.
O eclecticismo dentro da música urbana é marca da casa para BERTO, agora aos mandos da produción musical e á voz principal, xunto con Marinha, que é a colaboración estrela neste novo lanzamento discográfico.
O concerto de Berto, que actuará xunto coa banda completa a partir das 21.00 horas na luguesa Praza de Santa María, servirá asemade para dar a coñecer ao público presente as distintas actividades culturais programadas ao longo do mes de abril. A entrada ao concerto é libre e de balde para todas as persoas interesadas. En caso de choiva, a actuación trasladaríase ao auditorio municipal Gustavo Freire.