Ir o contido principal

Bóla aberta de talentos en Matemáticas

21.04.2022 | 19.30h

Aula Magna
Santiago de Compostela

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas organiza este concurso cos obxectivos de fomentar a creatividade do alumnado, desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega, e ofrecer un tempo de lecer de tipo lúdico-cultural na nosa lingua.

Bóla aberta de talentos en Matemáticas
Bóla aberta de talentos en Matemáticas

Trátase dun espazo en que os participantes poderán presentar propostas de tipo musical, poético ou monólogos e diálogos en lingua galega, centradas en temas relacionados coas matemáticas, cunha duración máxima de 5 minutos.

As inscricións para a participación deben realizarse a través deste formulario electrónico ata o día 18 de abril (incluído).

A presentación de propostas terá lugar o xoves, 21 de abril, ás 19.30 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas.

Tipos de propostas

As propostas musicais consistirán en interpretacións dunha ou dúas cancións de estilo libre (rap, pop, lírico, rock…). Pode ser unha versión matemática dunha canción coñecida, unha interpretación dunha canción xa existente sobre matemáticas ou unha completamente orixinal da persoa propoñente. Os instrumentos e/ou melodia deben ser proporcionados polas artistas. Permítese, se así se precisar, a presenza de persoas externas á Facultade, ata un máximo de 4. A Facultade pon ao seu dispor os medios técnicos (ordenador, proxector, altavoces) existentes na Aula Magna.

As propostas poéticas consisten no recitado dun poema propio da/o artista (pode tratarse dunha versión matemática dun máis coñecido, algo totalmente seu ou un poema sobre as matemáticas non orixinal) completamente escrito en galego (ou traducido, de ser o caso) e de temática matemática libre: un percorrido por parte da Historia da Matemática, unha demostración narrada dun xeito algo diferente, ou unha revisión de diversos conceptos.

O monólogo ou o diálogo (neste caso non se precisa que ambas as persoas sexan da Facultade, tan só unha delas) terá que tratar un tema relacionado coas matemáticas e deberá ser será orixinal.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.04.2022.