Ir o contido principal

Caamaño&Ameixeiras pecha ‘Na Bocanoite’ na Casa do Saber

28/07/2021 - 20.30 horas

Casa do Saber

O dúo formado pola acordeonista Sabela Caamaño e a violinista Antía Ameixeiras ofrece este mércores, ás 20.30 horas, un concerto ao vivo no que interpretará temas do disco ‘¡Aire!’ e outras pezas do seu repertorio

A violinista Antía Ameixeiras e a acordeonista Sabela Caamaño
A violinista Antía Ameixeiras e a acordeonista Sabela Caamaño

O ciclo musical ‘Na Bocanoite’, incluído na programación cultural deseñada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, xestionado pola USC e que tamén conta co apoio económico do Concello de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo, botará o pano este mércores, a partir das 20.30 horas, cun concerto ao vivo do dúo Caamaño&Ameixeiras, que presentará temas de ‘¡Aire!’ e outras pezas do seu repertorio.

Esta formación, ligada á música e ao baile de raíz e forrmada en 2018 por Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz) en 2018, acumula xa na súa curta pero intensa traxectoria, un gran número de concertos, tanto dentro da xeografía galega, o seu lugar de orixe, como fóra dela e no ámbito internacional.

De natureza principalmente instrumental, aínda que incorporando tamén algún tema vocal coidadosamente escollido, Caamaño&Ameixeiras toma como punto de partida a tradición, entendida como algo vivo e en constante cambio, para crear despois a súa propia linguaxe, con composicións e arranxos personais e íntimos que manteñen a esencia do popular pero incorporan recursos contemporáneos.  

Aire! é o seu primeiro traballo discográfico, producido polo reconocido músico burgalés Diego Galaz, onde contan con colaboracións tan destacadas como Sílvia Pérez Cruz, Fetén Fetén, Abraham Cupeiro, Xavi Lozano, Carola Ortiz, Pablo Martín, Apel·les Carod ou El Pana.

As persoas interesadas deberán tramitar a súa petición de entradas a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es). Tamén se pode obter máis información a través do número de teléfono 982 821513. O aforo é limitado para todos os concertos e en caso de choiva, as actuacións trasladarán a súa sede ao auditorio municipal Gustavo Freire.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.07.2021.