Ir o contido principal

Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago

'Os camiños de Santiago de Europa cara a Galicia. Lugares, nomes e patrimonio'

21.09.2022-23.09.2022 | 09.30h-18.30h

Santiago de Compostela
Salón de Graos

Este congreso internacional procura visibilizar o papel referencial que Galicia está a xogar nos estudos de onomástica en Europa, tanto na toponimia como na antroponimia. (Imaxe: Detalle do cartel do evento)

O Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago desenvólvese do 21 ao 23 de setembro da Facultade de Filoloxía
O Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago desenvólvese do 21 ao 23 de setembro da Facultade de Filoloxía

O Instituto da Lingua Galega da USC colabora coa Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica na organización dun congreso internacional de toponimia no que o camiño de Santiago será o fío condutor dos diferentes relatorios. 

Nas últimas décadas Galicia converteuse nunha referencia nos estudos de onomástica en Europa, tanto na toponimia coma na antroponimia. Os estudos toponímicos teñen aquí, desde o labor precursor de Martín Sarmiento, no século XVIII, unha longa tradición e víronse impulsados nos últimos anos do XX polo traballo da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia, que acometeu a tarefa de revisar o Nomenclátor de Galicia. Seguindo ese ronsel, xorde este evento para que Galicia se mostre á vangarda deses traballos de investigación co foco nun aspecto crucial para a nosa cultura e a cultura europea: o Camiño de Santiago. 

O encontro será inaugurado este mércores 21 de setembro ás 9.30 horas no salón de graos da Facultade de Filoloxía compostelá. O reitor Antonio López, o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; a académica e coordinadora do congreso Ana Boullón; a presidenta de AGON, a tamén coordinadora do congreso e académica correspondente Luz Méndez; o decano de Filoloxía, Elías Torres; e a secretaria do Instituto da Lingua Galega, María Álvarez de la Granja abrirán estas xornadas. 

As sesións estenderanse ata o día 23 de setembro na mesma Facultade. A matrícula é gratuíta. Para consultar o programa completo do congreso e obter máis información sobre os trámites de inscrición, está dispoñible aquí.

A asistencia a este congreso recoñécese cun crédito transversal para o alumnado da Universidade de Santiago das titulacións de Grao da Facultade de Filoloxía e da Facultade de Xeografía e Historia. As persoas que desexen acceder a el deberán matricularse a través da súa secretaría virtual. 

 

Seguir en liña

Concerto de Germán Díaz

O xoves 22 de setembro, ao remate da sesión de relatorios,  o músico Germán Díaz ofrecerá un concerto ilustrado sobre os camiños que os peregrinos utilizaron para chegar a Santiago de Compostela, con imaxes das diversas representacións da zanfona nas igrexas e monumentos que se asentan nestas rutas e as músicas históricas e imaxinadas baseadas na tradición musical dos Camiños a Santiago.

Este concerto está aberto ao público xeral con entrada de balde ata completar a capacidade da sala.

German Diaz. Foto: Fernando Fuentes (CC BY-SA 3.0)
German Diaz. Foto: Fernando Fuentes (CC BY-SA 3.0)
Seguir en streaming
Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.09.2022.