Ir o contido principal

Photocall

Campaña 'A boa medicina'

22.02.2022 | 12.00h

Organiza a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC

Cartel de 'A boa Medicina'
Cartel de 'A boa Medicina'

'A boa Medicina' é unha campaña de dinamización lingüística destinada a limar os prexuízos lingüísticos do alumnado da Facultade de Medicina e Odontoloxía. Para paliar esta situación, a campaña persegue contribuír a racionalizar os posibles prexuízos contra a lingua e a cultura galega; sensibilizar o alumnado en relación aos seus compañeiros e compañeiras galegofalantes; favorecer o mantemento lingüístico do alumnado galegofalante; promover o respecto lingüístico e dar a coñecer os dereitos lingüísticos na USC.

Entre as 12.00 e as 17.00 horas deste martes 22 de febreiro, o alumnado que así o desexe poderá tomar parte no photocall que se desenvolverá no vesíbulo deste centro como parte desta campaña. Os e as participantes poderán elexir con que frase queren posar de entre os 22 lemas que estarán dispoñibles. Cada un dos e das participantes recibirá un agasallo por parte dos impulsores de 'A boa Medicina'.

“O alumnado galego adoita carrexar os seus propios prexuízos lingüísticos, e o contacto con compañeiros e compañeiras de fóra de Galicia ás veces contribúe a consolidalos e aumentalos, e a que recorten o uso do galego”, explican dende a organización da campaña. “Ademais, aquelas alumnas e alumnos que usan o galego con normalidade, na única facultade de medicina do mundo en que teñen dereito a usalo, vense ás veces en situacións incómodas”, engaden. A mellora da información sobre os usos lingüísticos do grao así como nutrir o alumando con recursos e estímulos para estudar en galego é outro dos horizontes a acadar. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.02.2022.