
Alumni USC, un ano máis, organiza a Carreira virtual solidaria que este ano dedica á Fundación Andrea. Como os anos anteriores, trátase de correr 5 quilómetros nunha fin de semana, que este ano é a do 17 e do 18 de febreiro, cando se queira e onde se queira. A inscrición para facer a doazón pode facerse a través da web do evento e para contabilizar os quilómetros hai que descargar no móbil a aplicación Rockthesport que é gratuíta. Pódense facer probas coa app antes dos días da carreira. No momento da inscrición facilítase un localizador e con este número dáse de alta cada persoa na app.
As cotas establecidas son de tres euros para estudantes, cinco euros a cota ordinaria e cota libre quen desexa facer unha achega maior, que irá a beneficio da Fundación Andrea nesta ocasión. Haberá entrega de medallas de ouro, prata e bronce nas categorías masculina e feminina. A actividade vai dirixida prioritariamente a mozas e mozos, pero pode facerse a inscrición para participar coa doazón sen necesidade de correr.
