Salón de Graos
O CEO de Torre de Núñez repasará na súa intervención a evolución experimentada polo grupo empresarial lugués desde o comezo da súa actividade en 1966

O CEO da empresa lucense Torre de Núñez, José Manuel Núñez, impartirá este xoves 17, a partir das 11.00 horas, no salón de Graos da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, a conferencia titulada ‘Caso Torre de Núñez. Orixe 1966’, un relatorio a través do que fará un percorrido pola historia desta empresa familiar dende o seu nacemento ata converterse na actualidade nun notable caso de éxito empresarial na provincia de Lugo.
A charla a cargo de José Manuel Núñez encádrase nas actividades de extensión universitaria organizadas pola Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC, neste caso en colaboración coa Cátedra Institucional de Empresa Familiar. Este tipo de accións divulgativas, explica o decano do centro, Roberto Bande Ramudo, pretenden achegar ao alumnado dos títulos impartidos na Facultade de ADE á realidade empresarial de Lugo. Cómpre lembrar neste senso a conferencia de apertura de curso, a cargo do director adxunto de Porto de Celeiro, Eduardo Míguez, ou a celebración das Xornadas sobre Dixitalización e Seguridade Informática na Empresa.
Torre de Núñez é unha das principais empresas cárnicas de Lugo, cunha proxección exterior cada vez maior. Fundada por Manuel José Núñez Aldegunde e María Asunción Torre Penelas en 1966, inicia a distribución dos seus elaborados cárnicos por toda España. Nos anos 80 comezou un proceso de expansión a partir da construción da primeira fábrica en Lugo.
Torre de Núñez non deixou de medrar nos últimos 40 anos, un período no que consolidou unha implantación de éxito no mercado nacional, no que, a cada paso, chega a máis consumidores. No ano 2000, esta firma luguesa construíu unha planta de 15.000 m2 dotada da última tecnoloxía de elaboración de produtos cárnicos. Anos despois, continuou a expansión cunha nova planta dedicada exclusivamente á elaboración de xamón, con capacidade para 400.000 unidades ao ano e, en 2016, inauguraron unha nova planta de despece. Torre de Núñez é pois unha empresa en pleno proceso de expansión, polo que a conferencia aportará ao alumnado unha visión de primeira man dos procesos de expansión e crecemento dunha empresa familiar.