Terraza da Casa do Saber
O percorrido virtual polo xacemento mitraico desde a terraza da Casa do Saber de Lugo comezará ás 22.30 horas e as persoas interesadas en asistir poden retirar as entradas de balde na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo en quenda de mañá

O programa cultural ‘Na Bocanoite’, unha proposta artellada desde a Área de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para adaptar a programación deseñada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento de USC, Deputación e Concello de Lugo, á situación de nova normalidade, ofrece este xoves 8 de xullo, unha nova sesión das visitas musicadas á Domus do Mitreo.
O arqueólogo e responsable da escavación deste xacemento mitraico, Celso R. Cao, acompañado nesta ocasión do grupo vocal Solo Voces, conducirá, coa axuda de imaxes proxectadas na fachada lateral da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, unha visita virtual a través da historia e dos restos achados e conservados no xacemento mitraico actualmente musealizado.
As persoas interesadas en participar como público neste espectáculo, para o que se habilitará como patio de butacas o adro da catedral de Lugo, poden retirar de balde e desde este mércores as entradas nas oficinas da área de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, de 10.00 a 13.00 horas.