A Real Academia Galega promove estas xornadas nas que colaboran a USC, a Fundación Rosalía de Castro, o Concello da Coruña e a Fundación Luis Seoane, e que contan co apoio da Xunta de Galicia

A Real Academia Galega inicia en febreiro as conmemoracións do centenario do pasamento de Manuel Murguía cunhas xornadas que se desenvolverán na Coruña, Santiago e Padrón, tres localidades de gran relevancia na traxectoria do historiador galego.
O primeiro encontro terá lugar o día 2 de febreiro a partir das 17 horas na Fundación Luis Seoane da Coruña. Marilar Aleixandre será a encargada de moderar unha mesa redonda arredor da pegada de Murguía nas institucións, que abordará as orixes da RAG e os símbolos de Galicia. Nela intervirán Ana Romero Marsiá, Emilio Xosé Ínsua, Pepe Barro e Xosé Luis Axeitos.
A segunda xornada desenvolverase o 9 de febreiro a partir das 17 horas no Paraninfo da USC e versará arredor de Murguía e a idea de Galicia. María José López Couso moderará as intervencións de Ramón Máiz, Ramón Villares e Xusto Beramendi. Tras o coloquio que sucederá a mesa redonda, haberá unha actuación musical do trío de corda da Orquestra da USC.
Estas xornadas de celebración do centenario rematan o 16 de febreiro na sede da Fundación Rosalía de Castro en Padrón. A partir das 17 horas, a mesa redonda 'Literatura e nación', moderada por Anxo Angueira, reunirá as intervencións de Ana Acuña, Xurxo Martínez e María Xesús Lama. A sesión concluirá coa actuación musical de Eliseu Mera (bartítono) e Cándido Cabaleiro (piano)
A entrada ás xornadas é libre ata completar a capacidade das salas e tamén poderá seguirse en liña a través de academia.gal