Con Pio Salvador Aguirre, xerente do Centro Pfizer - GENYO

Bioincubatech, a Incubadora de Alta Tecnoloxía para o Fomento da Innovación e a Transferencia de Biotecnoloxía no ámbito da saúde e das tecnoloxías alimentarias, organiza o luns 14 de marzo unha nova sesión dos Bioalmorzos Formativos de Transferencia e Relación coa Empresa, un ciclo de encontros con relatoras/es de referencia en ámbitos do sector bio, a saúde e as tecnoloxías alimentarias que achegarán o seu coñecemento e perspectiva, e nos que, previa inscrición, existe a posibilidade de manter unha reunión individual coa persoa convidada para trasladarlle calquera dúbida ou preocupación particular.
Baixo o título 'Centro Pfizer-GENYO: Una experiencia de colaboración público-privada', esta sesión en liña contará coa presenza de Pio Salvador Aguirre, xerente do Centro Pfizer - GENYO. Licenciado en Ciencias Económicas e Dereito e posgrao en Empresariais, conta cunha ampla experiencia na xestión de diversos departamentos desde RRHH ata finanzas, pasando pola súa etapa en Garasa Holding Empresarial, entre outros, leva máis de 12 anos traballando profesionalmente no campo da Investigación Biomédica na PTS de Granada como xerente do Centro Genyo, con 150 investigadores e un equipo directo de 25 persoas.
Nesta sesión, Pio Salvador abordará o establecemento de relacións coas empresas e as súas particularidades a partir da experiencia da dirección deste importante centro de investigación, Pfizer-GENYO.