Ir o contido principal

V Certame de Videocreación

27/11/2023 - 20.45 horas

Casa do Saber (Lugo)

A Vicerreitoría de Estudantes e Cultura da USC celebra este luns 27, a partir das 20.45 horas, no auditorio da Casa do Saber a proxección das propostas presentadas ao V Certame de Videocreación e a entrega de premios ás mellores pezas

Imaxe do cartaz do V Certame de Videcreación
Imaxe do cartaz do V Certame de Videcreación

A Vicerreitoría de Estudantes e Cultura da USC celebra este luns 27 de novembro, a partir das 20.45 horas, na Casa do Saber de Lugo, a sesión de proxección pública das propostas audiovisuais presentadas á quinta edición do Certame de Videocreación, unha iniciativa artística promovida ao abeiro do convenio Lugo  Cultural, que conta con financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo e que repartirá 1.200 euros en premios entre as tres candidaturas máis valoradas polo xurado.

Unha vez completado o visionado dos traballos, a sesión rematará coa entrega de galardóns. O 'Premio á mellor linguaxe visual', dotado con 400 euros, distinguirá a peza cos mellor imaxe, iluminación e dirección artística, así como a montaxe e edición visual; o 'Premio Isidro Novo á mellor linguaxe literaria', tamén dotado con 400 euros, valora aspectos da obra referentes ao guión e uso da linguaxe escrita ou oral, mentres que o 'Premio Araceli Herrero á mellor comunicación', que conta con igual dotación económica, premiará a proposta que mellor englobe todos os aspectos comunicativos empregando diferentes linguaxes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.11.2023.